C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

6 mar 2017

CATRO POSTES, TRES PUNTOS, DOUS GOLES E UNHA MICAELA

S.C.D. BUÑO 0 - C.D. BAIO 2

Vitoria 700 na historia do CD Baio a colleitada na tarde do domingo en Buño, con resaca aínda da Micaela do día anterior, pero que levou ao campo de Xaviña uns 200 afeccionados nunha tarde ameazadora de chuvia. Non tivo moitos atrancos o equipo baiés para sumar un novo triunfo ante un Buño que non puxo en apertos en ningún momento a meta baiesa.
Cun Buño pechado atrás e un Baio tratando de mover o balón buscando os ocos na súa defensa principiou o partido, que tivo a súa primeira oportunidade nun saque de córner que rematou Isaac e o balón foise rozando o pau (min.9). O Baio topouse co traveseiro ata en catro ocasións durante o partido, a primeira delas foi no min.16, cun zurdazo desde a frontal de Moreno, que entre Gesto e o pau impiden que o balón entre na portería, e a segunda só catro minutos despois, cando Bieito aproveita un rexeite que lle cae na frontal e a súa volea peta no pau. No min.24 chega o primeiro gol, nun balón que recibe Martín MC que sen pensalo dispara á porta desde 40 metros e o balón cóase pola escuadra buñesa. Nunha contra baiesa Martín MC intérnase na área e tras desfacerse do defensa dispara con violencia e o balón volve petar no pau traveseiro (min.32).
A segunda parte seguiu polo mesmo camiño cun Baio tendo o dominio do balón e do xogo, e xa no primeiro minuto Javi Suárez tivo unha boa oportunidade pero o seu lanzamente sacouno Gesto a córner. A única ocasión do Buño veu dun lanzamento de falta, que Alexander tirou a colocar pero Diego moi atento conseguiu desviar (min.58). Unha combinación de Martín con Martín MC serviu para que este marcase o segundo gol no min.63. Tres minutos despois chegou o cuarto tiro ao pau do Baio, nesta ocasión cun forte lanzamento de Javi Suárez. Cos cambios arrefriou o partido e os xogadores foron deixando pasar os minutos. Puido marcar Bieito nun man a man o terceiro, pero o porteiro local conseguiu sacar a córner e chegouse ao final co 0-2 no marcador.
Con esta vitoria segue o Baio sumando para continuar na loita, unha loita na que ninguén dá o seu brazo a torcer e unha semana máis gañaron os cinco primeiros. A vindeira semana visita o Platas Reinoso o Castriz do ex-xogador e ex-adestrador baiés Mata.


XUVENIL: C.D. BAIO 5 – CAMARIÑAS F.C. 1

Cuarta xornada e cuarta vitoria nesta liguiña previa da Copa da Costa Xuvenil, na que o Baio foi moi superior ao Camariñas no mediodía do sábado e perdoou numerosas ocasións. O primeiro gol chegou por parte de Regueira, nun lanzamento de córner directo. Queiro poñería o 2-0 co que se chegou ao descanso. Na segunda parte, máis do mesmo, con moitas ocasións erradas polos locais, pero aínda así chegaron os goles de Estefan e Damián. Coa relaxación habitual chegou o erro que permitiu que Brais marcase o gol dos camariñáns no seu único tiro a portería. Luis, que careceu de fortuna cara ao gol, puido por fin marcar o seu a pouco para o remate do encontro e poñer o definitivo 5-1.
Con esta vitoria seguen no alto da clasificación os baieses, que a vindeira semana viaxan ata Sofán, para enfrontarse ao segundo clasificado, que só perdeu no Platas Reinoso.


No hay comentarios:

Publicar un comentario